22 de maio de 2015

Leonhard Euler

Naceu en Basilea, Suiza, en 1707. É considerado o matemático máis influínte de todos os tempos. Con catorce anos, cando comezou a estudar teoloxía, coñeceu na universidade ao matemático Johann Bernoulli. Este descubriu nel un talento sorprendente e unha poderosa memoria así como unha facilidade extraordinaria para o cálculo e un notable rigor dedutivo. Bernouilli convenceu ao seu pai de que lle permitise dedicarse ás matemáticas.
En 1726 publicou o seu primeiro artigo e 57 anos máis tarde escribiría o último. Neste mesmo ano Daniel Bernoulli, fillo de Johann, chamouno para cubrir a praza de Fisioloxía na Academia de Ciencias de San Petersburgo que quedou vacante pola morte de seu irmán. Á súa chegada morre a tsarina Catalina. Isto obrígao a traballar como médico na armada durante tres anos mentres non se solucionan os conflitos entre a casa imperial e a nobreza. A zarina Ana ocupa o trono e, nese momento, Euler pasa a ocupar a praza de matemático na Academia, da que sería director en 1735.
Casa con Katharina Gsell, coa que ten trece fillos. Neste ambiente atopa a solución ó chamado “problema das pontes de Könisberg” que conduce á moderna Topoloxía. Morta a tsarina Ana, en 1740, Euler acepta a proposta de Federico II de Prusia de ocupar unha praza na Academia de Berlín, onde permanecerá durante vintecinco anos.
É autor de varios libros. “Cartas a unha princesa alemá” é o máis popular deles e unha das primeiras obras de divulgación científica. En “Introductio in analysin infinitorum” nacen as modernas funcións matemáticas e en “Methodus inveniendi” crea o cálculo variacional. En 1766, Euler regresa a San Petersburgo e morre na súa casa o 18 de setembro de 1783 dun infarto cerebral.
Imaxe de wikipedia.org

Ningún comentario:

Publicar un comentario